A hostalería de Ribadeo dispoñerá de vasos ríxidos reutilizables para o IX Ribadeo Indiano, presentados hoxe pola organización do evento. Trátase de 10.000 vasos serigrafiados.
A presidenta de ACISA, Carmen Cruzado, explicou que:
“ACISA coorganiza co Concello o Ribadeo Indiano, un evento no que nos implicamos especialmente porque cada ano adquire máis importancia para o comercio e a hostalería local, xerando unha actividade económica inigualable. Todos os negocios esperan con ilusión esa fin de semana e prepáranse para recibir aos miles de visitantes que chegarán do 12 ao 14 de xullo. Por iso, cada edición tentamos sumar novas iniciativas como a que hoxe presentamos”.
Jesús Pérez, xerente da asociación, sinalou:
“Por iso, un ano máis, repartiremos de forma gratuíta 10.000 vasos irrompibles de 600 cc, reutilizables, lavables e feitos con materia prima 100% reciclable. É un xesto de compromiso cos nosos socios do sector hostaleiro, para que poidan ofrecer aos seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Ademais, somos conscientes da perda de vasos de cristal esa fin de semana, polo que esta é unha forma de evitalo, á vez que se coida a limpeza das rúas e prevéñense accidentes. Tamén reafirmamos o noso compromiso co medio ambiente”.
Carmen Cruzado engadiu:
“Estes vasos están pensados como recordo para levar a casa, cun precioso deseño que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Estarán dispoñibles para a hostalería local nas oficinas de ACISA o venres 5 de xullo de 9:30 a 14:30”.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, destacou o traballo conxunto entre ACISA e o Concello:
“Levamos meses traballando intensamente na programación do Ribadeo Indiano, tanto para o público local como nas presentacións que fixemos en Oviedo e Santiago. Queremos que este evento histórico-cultural sexa coñecido aquí e tamén en América. Hoxe presentamos este bonito recordo na rúa indiana por excelencia, San Roque, para que quen consuma na hostalería local poidan levar un vaso de agasallo”.
Participaron na presentación Marta Saiz (concelleira de Comercio), Carmen Cruzado (presidenta de ACISA) e Jesús Pérez (xerente de ACISA).
Decoración
Jesús Pérez fixo un chamamento especial a comerciantes e hostaleiros para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates: “Entregámoslles gratuitamente bandeiras e lazos, máis de 7.000 metros de material e 700 faroliños, que sumados á decoración das rúas alcanzan os 20.000 metros e 1.000 faroliños. Poñemos todo da nosa parte para embelecer os negocios e as rúas da vila. Tamén animamos a decorar con flores as fachadas e terrazas”.
Cruzado Iglesias concluíu:
“Queremos que os negocios locais luzan bonitos e elegantes, igual que as nosas prazas e rúas. Animamos tamén aos veciños para decorar portais, balcóns e terrazas para transportarnos ao ambiente indiano. Hortensias, camelias ou palmeiras traídas de ultramar encherán de recordos o Ribadeo Indiano 2024”.