Esenciais

Centro histórico e vida local en Ribadeo

Ribadeo conserva o encanto dunha vila histórica e o dinamismo dun centro cheo de vida.

Pasear polo seu casco antigo, declarado Ben de Interese Cultural, descubrir as súas tendas e mercados ou gozar do ambiente da ría no porto deportivo son só algunhas das experiencias que che esperan.

Centro histórico de Ribadeo

O centro histórico de Ribadeo, declarado Ben de Interese Cultural en 2004, conserva todo o encanto dunha vila con séculos de historia. As súas rúas concentran unha mestura de arquitectura popular e edificios de maior rango, que reflicten o pasado mariñeiro, comercial e indiano da vila.

Entre os recunchos máis singulares destacan a Aduana Vella, o castelo de San Damián ou o Cargadoiro, xunto a espazos emblemáticos como a praza do Campo ou praza de España, onde se alzan o pazo de Ibáñez, a Torre dos Moreno, o Convento de Santa Clara e a igrexa de Santa María do Campo.

Ademais, en rúas como Vilafranca do Bierzo, San Roque ou Clemente Martínez pódense admirar elegantes residencias burguesas de finais do século XIX e principios do XX, moitas delas de influencia indiana. Unha zona ideal para pasear, facer compras ou gozar da gastronomía local.

Praza de Abastos

A Praza de Abastos é un dos espazos comerciais máis emblemáticos de Ribadeo. Doada á vila polo indiano Ramón González Fernández e construída en 1925 segundo o deseño do arquitecto Ramiro Saiz, destaca pola súa elegante estrutura de ferro á vista e a súa coidada composición de fachadas.

Hoxe segue cumprindo a súa función orixinal, acollendo cada mércores o tradicional mercado semanal, onde pequenos produtores e recolectores locais ofrecen froitas, hortalizas e outros produtos de gran calidade. Durante o verán, tamén alberga o popular mercado dos domingos, centrado nos produtos da horta e na produción local.

De compras en Ribadeo

O comercio local de Ribadeo é unha das principais actividades económicas da vila e un dos seus grandes atractivos turísticos. Tendas de moda, zapaterías, xoierías artesás, librerías, establecementos gourmet ou comercios tradicionais conforman unha oferta variada, de calidade e próxima. Un tecido comercial que permanece activo durante toda a semana e que mantén as súas portas abertas mesmo os domingos pola mañá.

A tradición comercial de Ribadeo refórzase cos seus mercados semanais, celebrados na Praza de Abastos. Cada mércores, e tamén os domingos durante o verán, produtores locais ofrecen froitas, hortalizas, queixos, embutidos e produtos da horta, achegando ao visitante os sabores da comarca.

A esta actividade súmase o Mercado de Nadal, que cada ano transforma o parque de San Francisco nun espazo cheo de propostas artesás, produtos de tempada e actividades para todos os públicos, nun ambiente festivo que recupera o espírito comercial máis tradicional da vila.

Porto deportivo de Ribadeo

O porto deportivo de Ribadeo, no enclave de Porcillán, é un dos espazos máis dinámicos da vila. As súas instalacións, xestionadas polo Real Club Náutico, ofrecen máis de 600 amarres e todos os servizos necesarios para a navegación deportiva e de recreo.

A contorna da ría permite practicar actividades como a vela, o kaiak, o submarinismo, o windsurf ou o surf. Tamén é posible alugar embarcacións, realizar paseos en lancha e gozar da ampla oferta de terrazas e restaurantes xunto ao mar.

 

Durante o verán, o porto cobra un especial protagonismo coa celebración da Semana Náutica, un evento que combina regatas, concursos de pesca e actividades abertas ao público, reforzando o vínculo de Ribadeo co deporte e o lecer náutico.

Ir o contido