Ribadeo ilustrado
“Se hai algún momento na historia deste concello que deixou unha forte pegada no noso Centro Histórico, este é o comprendido entre os séculos XVII e XIX.
Dende o punto de vista económico, a vila atópase estreitamente ligada á economía do Atlántico e á carreira das Indias, grazas, sobre todo, á exportación de madeira en dirección a Sevilla e Lisboa.
Quedando sempre clara a estreita vinculación de Ribadeo co mar, un testemuño do florecemento da vila está no seu desenvolvemento demográfico, que dobra o seu número de efectivos. Así, os comerciantes dedicábanse a traer viño, augardente, ferro e téxtiles coma o liño e cánabo, converténdose estas rotas marítimas nun foco de desenvolvemento que afectaba a vila, máis tamén ao mundo rural circundante creándose así unha simbiose entre os circuítos dos produtos que saían e que chegaban, era por tanto, terra de mariños pero tamén de mariñeiros.
Será no S. XVIII cando o porto coñece un dos seus períodos máis relevantes; por el entran directamente procedentes do Báltico, liño e cánabo para fornecer os teares de toda a comarca. A importación destas fibras téxtiles chega a ser tan importante que o rei Carlos III instala nesta vila a Casa-Fábrica de Lenzos.
Causa efecto deste desenvolvemento, aséntanse numerosos comerciantes que irán transformando a súa fisionomía coa construción de novas vivendas nas que se aloxa unha emerxente clase social economicamente poderosa relacionada co comercio marítimo.
A día de hoxe, eses pazos situados no casco vello pódense distinguir polos seus “Gurugús”,miradoiros de cristal ergueitos nos cumios dos tellados, balcóns elevados que non só servían como símbolo de prestixio social, senón tamén como lugar privilexiado para observar o movemento do porto e da ría.”
Audioguía de Ribadeo Ilustrado